O TSXG autoriza limitar as reunións polo aumento da transmisión do virus e das hospitalizacións

Os xuíces entenden que as medidas propostas pola Xunta “non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno”. A Sala considera acreditada a existencia dun perigo para a saúde da poboación, que se pode ver agravado se esas medidas non se adoptan, así como a inexistencia doutros medios menos agresivos para afrontalo

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta limitar, en toda a comunidade autónoma, o número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados -seis, en interiores; e dez, en exteriores-, así como prohibir encontros con non conviventes entre as tres e as seis da madrugada. Os maxistrados entenden que as medidas incluídas na orde, que entrará en vigor ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e se manterá ata as 00.00 horas do 7 de agosto, son “idóneas, necesarias e proporcionadas” para conter a expansión da COVID-19, cuxa transmisión se incrementou nas últimas dúas semanas, do mesmo xeito que as hospitalizacións.

A Sala considera que o Goberno galego ha xustificado a existencia dun perigo para a saúde da poboación, que se pode ver agravado se esas medidas non se adoptan, así como que carece doutros medios menos agresivos para afrontalo. Ademais, destaca que as medidas “responden a unha situación clara de incremento do virus” e asegura que “non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social”. 

Para autorizar as limitacións, os xuíces tiveron en conta un informe conxunto elaborado pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía e por unha experta universitaria en vacinas, o cal ampara as medidas debido “á evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria” da comunidade.

Ademais deste documento técnico, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG examinou os gráficos que mostran a evolución dos contaxios en cada municipio nas dúas últimas semanas, os cales revelan “un preocupante incremento na transmisión da infección” e a existencia “dunha porcentaxe de positividade progresivo”.

Así, indican que, na primeira semana, a incidencia acumulada se situou en 278 casos por cada 100.000 habitantes, para pasar, no seguintes sete días, a 418. “A desagregación deses datos realízase por áreas sanitarias, con moi diferentes resultados, pero todos eles en progresión cara a unha situación de incremento na positividade do virus, que ten maior incidencia nas áreas de Ourense e Pontevedra”, salienta a Sala.

Os datos do informe tamén reflicten, segundo os xuíces, “o incremento das hospitalizacións e dos ingresos nas unidades de críticos”, así como a situación epidemiolóxica de todos os municipios e as súas comarcas. As de maior incidencia negativa, segundo o auto, localízanse en Vigo, Pontevedra, O Baixo Miño, Valdeorras, Ourense, O Carballiño, A Mariña -oriental, central e occidental-, Terra de Melide e Barbanza. Nos 36 municipios con maior incidencia, a limitación de reunións a só conviventes comeza á unha da mañá, en lugar de ás tres.

“Con todo, eses datos téñense que ponderar con outros factores, como os demográficos ou os gromos ou repuntes descontrolados, que ao final se tiveron en conta para propoñer as limitacións de agrupamentos, en xeral, e os máis limitados, nos 36 municipios que presentan unhas incidencias máis adversas, todos os cales foron obxecto dun tratamento singular no informe técnico”, explican os xuíces no auto, contra o que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.