A Audiencia condena o ex tesoureiro do Concello de Lousame a dous anos e nove meses de cárcere

Os outros dous acusados, a muller do que fora tesoureiro e o que era administrador dunha empresa á que o sentenciado desviou fondos, foron absoltos dos delitos de malversación de caudais públicos que lles imputaban

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a dous anos e nove meses de prisión e á inhabilitación absoluta durante oito anos o ex tesoureiro do Concello de Lousame (A Coruña) por cometer un delito de malversación de caudais públicos. Ademais, impúxolle o aboamento dunha indemnización de 154.565 euros.

Os outros dous acusados, a muller do que fora tesoureiro e o que era administrador dunha empresa á que o sentenciado desviou fondos, foron absoltos dos delitos de malversación de caudais públicos que lles imputaban.

O tribunal indica na sentenza que o condenado, entre os anos 2010 e 2012, aproveitou o acceso que tiña ás contas bancarias da Administración local para desviar cartos “en numerosas ocasións e utilizando diferentes técnicas”. Desta forma, conseguiu apoderarse de 290.564 euros. “As subtraccións de cartos efectuadas polo acusado supuxeron un detrimento económico notable para o patrimonio do Concello durante moito tempo”, destaca a Audiencia Provincial, á vez que subliña que “afectaron de maneira considerable ao funcionamento ordinario do Concello e á carga de traballo dos funcionarios que integraban o persoal, así como o prestixio do Concello cos seus provedores”.