A Audiencia da Coruña condena a catro anos de prisión a un home que matou dunha navallada a outro na celebración dun aniversario en Ferrol

A resolución fixa unha indemnización de 180.000 euros que o acusado deberá abonar, en concepto de responsabilidade civil, aos prexudicados polo falecemento

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos e tres meses de prisión a un home que cravou a outro unha navalla no peito no marco dunha liorta que se iniciou na celebración dun aniversario nun restaurante de Ferrol. De conformidade co veredicto pronunciado polo xurado popular, o maxistrado presidente condena ao acusado como autor responsable dun delito de lesións causadas con instrumento perigoso en concurso cun delito de homicidio por imprudencia grave, sen a concorrencia de circunstancias modificativas da responsabilidade criminal.

A sentenza afirma que no curso do altercado, tal como se puide ver na gravación dunha das cámaras de seguridade do restaurante, o acusado "resultou golpeado, perdendo tanto as lentes que portaba, como o seu bastón ou cachaba e o seu chapeu". Paralelamente, o agora falecido "foi empuxado ou desprazado, chegando así a quedar situado fronte" ao acusado, quen, coa navalla aberta que portaba "acometeuno de maneira intencionada co propósito de causarlle unha lesión ou dano", pero non a morte, segundo o veredicto do xurado popular.

A resolución fixa unha indemnización de 180.000 euros que o acusado deberá abonar, en concepto de responsabilidade civil, aos prexudicados polo falecemento.