Un Xulgado da Coruña absolve un acusado de desobediencia por estar permitido ir á igrexa e comprar en calquera supermercado

A igrexa, tal e como manifestaron os gardas civís no xuízo, estaba aberta para rezar, polo que o acusado non foi sancionado

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 1 da Coruña absolveu hoxe un veciño de Carballo que foi sorprendido por axentes o 12 de abril nas inmediacións dunha igrexa. O sospeitoso, segundo a sentenza, comunicoulles que ía ao templo para practicar actos de culto, polo que lle deixaron entrar. Transcorridos uns minutos, os funcionarios localizárono preto do parque San Martiño e, ao preguntarlle pola súa presenza na vía pública, díxolles que ía a un supermercado. O xuíz absolve ao acusado do delito de desobediencia porque destaca que asistir a lugares de culto non está prohibido polo decreto que establece o estado de alarma. “Pode ser dubidosa a redacción do seu artigo 7, pero en materia de limitación de dereitos, e máis cando se trata de dereitos fundamentais, hai que considerar que o que non está expresamente prohibido, está permitido”, recalca o maxistrado.

A igrexa, tal e como manifestaron os gardas civís no xuízo, estaba aberta para rezar, polo que o acusado non foi sancionado. “O feito de que uns minutos despois saíse e lles manifestase que ía comprar alimentos tampouco constitúe unha conduta sancionable, ao estar permitida expresamente polo real decreto”, sinala o xuíz, quen asegura que, ademais, o home dispoñía de doce euros en efectivo para comprar. “Non quedou demostrado que non fóra a un supermercado, aínda que camiñase en dirección contraria ao seu domicilio”, recalca o titular do Xulgado do Penal número 1 da Coruña, quen lembra que o decreto de alarma “tampouco obriga a comprar no supermercado máis próximo”.

O procesado xa fora condenado ao pago dunha multa de 360 euros tras recoñecer saír á rúa sen xustificación o 8 de abril. Ese día foi interceptado en tres ocasiones por axentes, entre as 08.15 e as 09.50 horas, en diferentes rúas de Carballo. Os funcionarios advertíronlle reiteradamente de que se debía ir ao seu domicilio. A terceira vez detivérono tras comprobar que fora denunciado administrativamente en dúas ocasións en días anteriores polo mesmo motivo.