Un xulgado absolve aos exalcaldes e exconcelleiros do Carballiño acusados de prevaricar

"Non se puido probar que os acusados, no exercicio dos seus cargos no Concello do Carballiño e en relación coa contratación do persoal laboral temporal, ditasen resolucións arbitrarias e con coñecemento da súa ilegalidade", segundo a maxistrada

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense absolveu ao exlíder do PSdeG e exalcalde do Carballiño, P.V., e a outros catro exedís do municipio ourensán que exerceron, en diferentes épocas, entre os anos 1995 e 2011, do delito de prevaricación na contratación de sesenta persoas que lles imputaba o Ministerio Fiscal.

“Nin puidemos concluír que na contratación dos traballadores se prescindiu totalmente dun procedemento de selección que tentase respectar os principios de publicidade, mérito, igualdade e capacidade, nin tampouco que os acusados actuasen con conciencia de arbitrariedade nas resolucións que chegaron a ditar no exercicio dos seus cargos”, destaca a xuíza na sentenza, na que asegura que “tampouco en relación coas prórrogas ou á declaración de indefinición poderiamos apreciar a existencia do delito de prevaricación”.

Durante o período axuizado, segundo a maxistrada, “non hai a máis mínima advertencia escrita da Secretaria do Concello do Carballiño acerca da ausencia dos procedementos de selección que se deberían observar”. Ademais, insiste en que “non se puido probar que os acusados, no exercicio dos seus cargos no Concello do Carballiño e en relación coa contratación do persoal laboral temporal, ditasen resolucións arbitrarias e con coñecemento da súa ilegalidade".