O TSXG confirma a condena de 14 anos de prisión aos dous acusados de dar unha malleira ao párroco de Santa Rita (Vigo)

A Audiencia tamén os condenou, como culpables dun delito de roubo con violencia e outro de lesións agravadas, a pagar unha indemnización de case 430.000 euros ao párroco

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polas defensas dos acusados, condenados a catorce anos de prisión cada un por dar unha brutal malleira ao párroco de Santa Rita, en Vigo, coa intención de roubarlle.

O alto tribunal galego confirmou a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra ao rexeitar os argumentos esgrimidos polas representacións dos procesados, que expuxeron que se vulnerou o seu dereito á presunción de inocencia, ou que a cualificación xurídica dos delitos foi errónea, entre outras razóns.

Segundo determina o TSXG, que dá por válidos os feitos considerados probados pola Audiencia, houbo proba de cargo suficiente para xustificar a condena dos dous procesados, e lembra que varias testemuñas os sinalaron, ademais da propia vítima (aínda que non puido declarar na vista polas graves secuelas que padece).

A Audiencia tamén os condenou, como culpables dun delito de roubo con violencia e outro de lesións agravadas, a pagar unha indemnización de case 430.000 euros ao párroco, así como 9.500 euros anuais para sufragar os gastos de atención que require, e a pagar 60.000 euros á irmá do párroco por danos morais.