Condena de 19 anos de prisión para o home acusado de matar a un farmacéutico xubilado en Ourense

O tribunal considérao autor dos delitos de homicidio, furto, atentado e danos, ademais de culpable dunha falta de lesións

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a 19 anos de prisión ao mozo acusado de acabar coa vida dun farmacéutico xubilado en Ourense no ano 2013. O tribunal considérao autor dos delitos de homicidio, furto, atentado e danos, ademais de culpable dunha falta de lesións. A Sala considera probado que o procesado desprazouse a casa da vítima tras acordar ambos un servizo sexual a cambio de diñeiro. “Por motivos que se descoñecen”, segundo a sentenza, tras a relación iniciouse entre eles unha discusión no transcurso da cal o acusado cravou dúas veces unha arma branca no pescozo da vítima, o que lle produciu a morte.

Indica o fallo xudicial que “antes de abandonar a vivenda, o acusado, movido por ánimo de ilícito enriquecemento, apoderouse dunha caixa que contiña seis reloxos de peto valorados en 12 400 euros”, obxectos que posteriormente foron achados pola policía no seu coche. Segundo se recolle na sentenza, o acusado regresou ao domicilio onde cometera o crime para trasladar o cadáver ata a bañeira e prender lume na habitación coa intención de destruír probas. O mozo é condenado tamén por atropelar a un axente cando trataba de detelo.