Descende un 6,8 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de 11 vítimas por cada 10.000 mulleres é a terceira máis baixa do conxunto do Estado, onde se rexistra unha media de 16,2. Durante o primeiro trimestre do ano 133 persoas acolléronse á dispensa para non declarar, o que supón o 8,6 % das 1.545 vítimas

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.607 denuncias por violencia de xénero, un 6,8 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.725. A gran maioría das denuncias (1.210) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Baixa tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2018 contabilizáronse 1.611, fronte ás 1.545 deste ano nas mesmas datas, o que supón un descenso do 4,1 %.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia aumentaron os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se no segundo trimestre de 2018 optaron por esta opción 117 mulleres, este ano fixérono 133, o que supón o 8,6 % das vítimas, un 13,7 % máis que en 2018.

Galicia situouse como a terceira comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 11 persoas, fronte ás 16,2 de media estatal. Só Aragón (9,8) e Castela e León (10,1) teñen un indicador máis baixo. Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 524 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 482 de 2018, o que supón un aumento do 8,7 %. Das 524 adoptáronse 325, o 62 %.

O 78,82 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que é do 86,74 %.

Os datos estatísticos están dispoñibles na páxina http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Violencia-sobre-la-Mujer/