Sete anos de inhabilitación para un exalcalde de Ourense e dous exconcelleiros por prevaricación administrativa

Para a xuíza, os contratos denunciados "supuxeron unha clara contravención de todos os límites legais vixentes" ao tratarse dunha contratación "a dedo" e sen que houbese un concurso público

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense condenou a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por un delito de prevaricación administrativa no caso das asistencias técnicas ao exalcalde de Ourense Francisco R. F. Ademais do que era rexedor no momento dos feitos, foron condenados á mesma pena os entón concelleiros Áurea Elena S.V. e Xosé Fernando V. P., así como o director xeral de Rehabilitación Urbana, Xosé C. P.

Segundo precisa o fallo, a inhabilitación "comprenderá os cargos de alcalde e concelleiro ou calquera outro de natureza electiva e ámbito local que implique participación no goberno municipal, coa incapacidade para obter outros análogos no ámbito autonómico ou estatal durante o tempo da condena". A maxistrada absolve a outros dous concelleiros que tamén foron xulgados.

A Fiscalía solicitara que a condena contemplase inhabilitar aos acusados para exercer un posto como funcionario público. Con todo, a maxistrada considerou esta petición como "absolutamente desproporcionada ao feito delituoso", polo que os condenados poderán seguir exercendo na función pública.

Para a xuíza, os contratos denunciados "supuxeron unha clara contravención de todos os límites legais vixentes" ao tratarse dunha contratación "a dedo" e sen que houbese un concurso público que valorase o mérito e a capacidade dos candidatos. Ademais, insiste en que "xa desde o seu inicio" ningún destes postos de traballo se trataba dun contrato menor, porque non cumprían cos requisitos establecidos por lei que esixe que non superen os 18.000 euros anuais, que non teñan unha duración superior a un ano e que non poidan ser prorrogados.