A Audiencia de Ourense absolve aos trece investigados na operación Zamburiña

Se investigou delitos de tráfico de drogas, revelación de segredos, omisión de perseguir delitos, pertenza a grupo criminal e tenza ilícita de armas

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu aos trece acusados, catro deles axentes de policía, de estar implicados na denominada operación Zamburiña, na que se investigou delitos de tráfico de drogas, revelación de segredos, omisión de perseguir delitos, pertenza a grupo criminal e tenza ilícita de armas. O tribunal explica na resolución que a nulidade das intervencións telefónicas e das declaracións sumariais dos sospeitosos, así como das entradas e rexistros e de todas as ocupacións de efectos, determinan “a máis absoluta falta de proba de cargo, ao non mediar ningún dato que permita facer hipóteses sobre posibles fontes independentes de proba”. O tribunal asegura que todas as actuacións “se valeron de forma exclusiva da información propiciada polas intervencións telefónicas”, o cal implica a absolución dos acusados.

Os maxistrados explican que anulan, por vulneración de dereitos fundamentais, o auto de marzo do 2015 que deu inicio á operación Zamburiña ao autorizar as intervencións das comunicacións mantidas por oito axentes e inspectores da policía ourensá. O resto de probas, segundo explica a Audiencia, son nulas porque derivan directamente desas intervencións telefónicas.

Os xuíces entenden que se tratou de xustificar “o sacrificio da intimidade” de oito policías “nun encontro do inspector cunha persoa, nunhas investigacións tachadas de irregulares ou anómalas, sen constatación obxectiva algunha, salvo as suspicacias dos actuantes, e nuns accesos a bases de datos non xustificados profesionalmente”. Para o tribunal, a suposta corrupción policial “descansa nun único feito demostrado: a subtracción de armas do armeiro da comisaría de policía, cuxa autoría nin se especifica en tal momento, nin se ofrece dato algún que permita establecer unha relación con algunha das persoas cuxas comunicacións ían ser intervidas”.

“A comprobación da eficacia das conclusións do informe policial, a fin de facer viable a intervención telefónica cuestionada, non resiste a máis leve critica. Se iso fóra así, calquera solicitude podería servir de fundamento á intervención telefónica das comunicacións”, sinalan os maxistrados, á vez que indican que os feitos cualificados de “anomalías ou irregularidades” no oficio da Unidade de Asuntos Internos “non permiten en absoluto deducir indicio de corrupción policial minimamente serio”.