Once anos de prisión para o home que matou a un compañeiro de piso en Nigrán cun ferro de pasar

A presidenta do tribunal condénao a pagar á esposa da vítima unha indemnización de 120.000 euros

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a once anos e tres meses de prisión ao home considerado por un xurado popular culpable do homicidio dun compatriota co que compartía piso en Nigrán (Pontevedra), ao matalo dun golpe na cabeza cun ferro de pasar.

Ademais da pena de prisión, a presidenta do tribunal condénao a pagar á esposa da vítima unha indemnización de 120.000 euros, máis os gastos que tivese como consecuencia da morte do seu marido.

O xurado popular declarou probado que o 12 de xuño de 2016 o acusado propinou á vítima "un forte golpe na cabeza" cun ferro da roupa, o que lle provocou diversas lesións que lle causaron a morte. Con todo, rexeitou que houbese dolo directo, xa que as relacións entre autor e vítima eran boas, non existiu reiteración nos golpes -unicamente lle deu un- e debido "ao carácter improvisado do obxecto co que se golpea". O xurado negou que concorrese a agravante de abuso de superioridade e as eximentes de lexítima defensa e medo insuperable.