Unha xuíza condena á secretaria xeral do PSOE de Ferrol por cometer un delito de inxurias

A xuíza de Penal número 2 de Ferrol indica no fallo que a condenada “emitiu un xuízo de valor sobre o maxistrado, tachándoo de machista sen expoñer fundamento algún que o avale”

Autor
Comunicación Poder Judicial

Un Xulgado condenou á secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo, ao pagamento dunha multa de 2.100 euros por cometer un delito de inxurias con publicidade ao inserir nas súas redes sociais comentarios sobre o que nese momento, maio de 2017, era titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller en Ferrol. Ademais, impúxolle o abono dunha indemnización ao afectado de 500 euros polos danos morais causados. A denunciada tamén deberá publicar a sentenza, unha vez sexa firme, no seu perfil de Facebook.

A xuíza de Penal número 2 de Ferrol indica no fallo que a condenada “emitiu un xuízo de valor sobre o maxistrado, tachándoo de machista, -expresión de evidente carga ofensiva-, sen expoñer fundamento algún que o avale”. Todo iso, segundo a xuíza, converte esa acusación “nun puro insulto que non só garda relación co desempeño profesional do xuíz, senón tamén coa súa vida privada ou familiar, pois se supón que o home machista o é tanto no persoal como no profesional”.

“Non se xulga aquí un improperio calquera, nin unha crítica ás resolucións do xuíz que se puidesen considerar máis ou menos acertadas, senón que se acusa de machista ao maxistrado que coñecía neste partido xudicial das denuncias por violencia de xénero”, advirte a xuíza, quen sinala que, esa acusación carece de “base fáctica nin argumentos que a apoien” e que pon en dúbida a capacidade profesional do denunciante. Ademais, destaca na resolución que a acusación se realizou “coa publicidade que proporciona unha rede social como Facebook” e que foi formulada “por unha persoa moi coñecida en Ferrol pola súa dedicación á política e con responsabilidades públicas en temas de muller”.