O Xulgado rexeita o recurso da familia Franco contra a suspensión das actuacións sobre Meirás ata resolver se o mobiliario é parte do predio

As partes foron convocadas o próximo 22 de outubro a unha comparecencia destinada a determinar que bens non poden ser retirados do pazo. O Estado demanda a “necesaria conservación do inventario” aprobado no seu día polo xulgado

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña rexeitou o recurso interposto pola familia Franco contra a providencia do pasado 19 de maio na que decretou a suspensión das actuacións relativas ao pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do inmoble e dos predios incluídos no recinto que os demandados foron condenados a devolver ao Estado. O xulgado, tras rexeitar o recurso, convocou o próximo 22 de outubro ás partes persoadas no procedemento para asistir a unha comparecencia destinada a determinar “que bens deben ter a consideración de inmobles” e, en consecuencia, non poden ser retirados do pazo. 

Na comparecencia analizaranse as cuestións indicentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e o Concello de Sada. En concreto, a administración estatal demanda a “necesaria conservación do inventario” aprobado no seu día polo xulgado e solicita a “delimitación dos bens integrantes e pertenzas” do pazo tendo en conta o artigo 334 do Código Civil, no que se definen os bens inmobles. Pola súa banda, o Concello de Sada reclama que se inclúa, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do pazo de Meirás. 

No auto notificado hoxe, a xuíza explica que a admisión a trámite das cuestións incidentais e, en consecuencia, a desestimación do recurso da familia Franco, “dimana, do auto do 20 de abril de 2021 ditado pola Audiencia Provincial da Coruña”. Nese auto, o alto órgano xurisdicional provincial revogou a orde de depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás. 

Na resolución, os maxistrados da Audiencia lembraron que, de acordo co artigo 703.1.2 da Lei de Axuizamento Civil, quen está obrigado a entregar a posesión dun inmoble ten dereito a retirar os mobles non comprendidos na executoria da sentenza. A Audiencia deixou aberta a porta a que o Estado promovese un incidente de execución “a fin de determinar que elementos se deben considerar inseparables, como podería ser a discusión sobre un cruceiro, un hórreo ou elementos pétreos do xardín, ou un retablo ou outros obxectos, pero non establecer que non se pode retirar ningún moble”. 

“É en base a estas consideracións o que determinou a admisión a trámite do incidente exposto a fin de poder determinar que bens deben ter a consideración de inmobles para os efectos do artigo 334 do Código Civil e, en consecuencia, non poden ser retirados do inmoble”, salienta a maxistrada no auto, contra o que non cabe presentar recurso.