A Sala de Goberno aproba un plan de reforzo para axilizar os preitos por cláusulas chan en Vigo

Os maxistrados do Xulgado de Primeira Instancia 14 bis, que a comezos de 2021 finalizarán o traballo que lles foi encomendado, pasarán a realizar as súas funcións no número 14, tamén exclusivo para este tipo de casos. Catro xuíces, a titular do órgano, dous de adscrición territorial e un en comisión de servizo, tramitarán os asuntos

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu o visto e prace ao plan proposto polos xuíces para axilizar a tramitación dos preitos presentados en Vigo relacionados con cláusulas chan. Os dous xuíces de Adscrición Territorial do Xulgado de Primeira Instancia 14 bis finalizarán entre xaneiro e febreiro do próximo ano a tarefa que lles foi encomendada, en concreto, dar resposta ás 2.035 demandas que se presentaron entre xuño e decembro de 2017. Ante esta situación, o TSXG aprobou que sigan prestando os seus servizos no xulgado que desde o inicio de 2018 se encarga de maneira exclusiva da resolución destes preitos, e que soporta un volume de traballo moi elevado.

Na provincia de Pontevedra, é o Xulgado de Primeira Instancia número 14 de Vigo quen asume de forma exclusiva as demandas por accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física, entre outros, cláusulas chan, vencemento anticipado, intereses moratorios, gastos de formalización de hipoteca, hipotecas multidivisa e IRPH. A comezos de outubro, este órgano tiña 2.897 demandas pendentes dunha resposta xudicial. A este plan de choque hai que sumar outro maxistrado en comisión de servizos que desde hai xa meses actúa como reforzo no número 14.