Un Xulgado multa o condutor dun vehículo de motor que alcanza máis de 25 km/h por carecer de seguro obrigatorio

Na resolución rebaixa de 1.000 a 601 euros a multa que a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra lle impuxera ao condutor “pola ausencia de prexuízos causados a terceiros, pola falta de acreditación de reiteración e de intencionalidade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

.- O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo multou con 601 euros a un condutor dun vehículo de motor de dúas rodas por carecer de seguro obrigatorio. Na resolución, que é pioneira en Galicia á hora de abordar as normas que deben cumprir vehículos como os patinetes eléctricos, rebaixa de 1.000 a 601 euros a multa que a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra lle impuxera ao condutor “pola ausencia de prexuízos causados a terceiros, pola falta de acreditación de reiteración e de intencionalidade”.

“Claramente, apréciase que este aparello constitúe un vehículo que se propulsa mediante un motor eléctrico. Desde a óptica de definicións excluíntes, nin é un patinete eléctrico, nin un ciclo. Tampouco encaixa na moderna tipoloxía dos Vehículos de Mobilidade Persoal ( VMP)”, indica o xuíz na sentenza, na que destaca que os VMP “non requiren de autorización administrativa para circular, polo que non cabe esixir ao usuario a titularidade de permiso ou licenza de condución, nin seguro obrigatorio”.

Na normativa comunitaria e nacional, segundo a sentenza, explicítase que se o vehículo desenvolve unha velocidade superior a 25 km/h, como é o caso, non ten a consideración de VMP. No caso de que esa velocidade sexa superior (ata o 45 km/h), pasa a ser da categoría L1e-B. “Estamos en presenza dun vehículo, polo menos, da categoría L1e-B; ante un ciclomotor de motor de dúas rodas que, en canto tal, esixe a contratación dun seguro obrigatorio. E escríbese ‘polo menos’ porque, de ser certo que este vehículo alcanza os 50 km/h que sinala o fabricante, estariamos mesmo en presenza da categoría L3e, unha motocicleta de dúas rodas, e con maior razón ese deber de aseguramento sería incuestionable”, subliña o xuíz.

O demandante foi denunciado pola Policía Local en xuño de 2019 cando circulaba co vehículo marca Gran-Scooter e modelo Citycoco á altura da confluencia da rúa Marín e a avenida de Castelao. Sobre a confusión que alega en canto a se debía contar con seguro obrigatorio ou non, o maxistrado asegura que, aínda que aparellos destas características “comezaron a proliferar e as noticias que rodean o seu uso son confusas”, entende que todo iso é “razón de máis para procurar respostas fidedignas e oficiais que despexen calquera indicio de dúbida e que propicien unha condución segura e axustada ao ordenamento xurídico”.