A xuíza abre xuízo oral contra os catro acusados por malversación na causa da Fundación Cela

A xuíza dirixe a causa contra catro persoas: a presidenta da fundación no momento dos feitos, un membro do padroado, a filla deste e subdirectora da entidade e o director xerente

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Padrón ditou auto de apertura de xuízo oral no caso da Fundación Cela que se segue polo presunto delito de malversación. A xuíza dirixe a causa contra catro persoas: a presidenta da fundación no momento dos feitos, un membro do padroado, a filla deste e subdirectora da entidade e o director xerente.

Segundo o auto, “todos eles, de común acordo” e para beneficiar ao director da fundación, simularon o despedimento deste e acordaron que a indemnización que lle correspondía polos servizos prestados era de 150.000 euros brutos; “a pesar de ser conscientes todos eles que non se trataba dun despedimento, senón que o xerente quería abandonar voluntariamente a fundación”.

No momento da comisión dos feitos investigados, a Fundación Camilo José Cela era unha fundación do sector público de Galicia, en virtude do disposto no art. 58 da Lei de Interese Galego; “carácter público da fundación que era coñecido polos acusados, posto que desde o ano 2007 máis do 50% dos seus ingresos proviñan de subvencións públicas”, indícase na resolución xudicial.

A xuíza impón aos catro acusados a obrigación de prestar fianza solidaria por importe de 200.000 euros.