A Comisión de Seguimento recomenda o uso de medios telemáticos nos pasos a disposición xudicial

O presidente do TSXG asegurou que se articularán os mecanismos necesarios para que a volta á actividade xudicial sexa organizada e tendo en conta a todos os operadores xurídicos implicados

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG insistiu, na reunión celebrada hoxe, na recomendación de que os pasos a disposición xudicial, sempre que a tecnoloxía dispoñible así o permita, se realicen de forma telemática, de forma que as partes implicadas nesta dilixencia poidan realizar a súa función desde o lugar no que atopen, sen necesidade de acudir ao xulgado e evitando desta forma desprazamentos innecesarios. Mantense, con todo, a obriga para xuíces/zas e letrados/as da Administración de Xustiza de atender as gardas de forma presencial, tal como foi establecido nas resolucións aprobadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza como consecuencia da crise sanitaria.

En relación aos servizos mínimos de persoal funcionario, abordouse a necesidade dun pequeno reaxuste para garantir unha áxil tramitación das causas con preso, así como o correcto funcionamento dos servizos de rexistro e reparto. Neste sentido, lembrouse que aqueles funcionarios/as que non teñen réxime presencial, téñeno de dispoñibilidade para atender todas aquelas dilixencias consideradas urxentes e inaprazables. A Comisión tamén abordou a necesidade, por considerar o servizo imprescindible, máis se cabe nesta situación, de dar continuidade ás oficinas de Atención á Vítima a través de fórmulas non presenciais.

Hoxe incorporouse á Comisión de Seguimento o presidente do Consello da Avogacía Galega, Ramón Jáudenes, quen mostrou a súa preocupación por como se organizará a volta á actividade xudicial unha vez que finalice o estado de alarma. Neste sentido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza e da Comisión, José María Gómez y Díaz-Castroverde, asegurou que se articularán os mecanismos necesarios para que a volta sexa organizada, evitando o colapso e sempre buscando o acordo con todos os operadores xurídicos implicados, cuxa colaboración será "imprescindible".

Desde a anterior reunión, celebrada o martes, non foi notificado á Comisión ningún novo caso de positivo por coronavirus na comunidade entre xuíces/zas, fiscais, letrados/ as da Administración de Xustiza e funcionarios/as.