O TSXG ordena repetir o xuízo contra o acusado de matar á súa muller en Narón en 2015

O tribunal entende que “se debe declarar que a sentenza impugnada, e o veredicto no que se apoia, adoecen de falta de motivación”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG estimou o recurso de apelación presentado polo home considerado culpable por un xurado popular de matar á súa muller en Narón en decembro de 2015. O tribunal entende que “se debe declarar que a sentenza impugnada, e o veredicto no que se apoia, adoecen de falta de motivación, defecto que leva a declaración de nulidade por atentar ao dereito á tutela xudicial efectiva”. Como consecuencia desta nulidade, a Sala ordena que con novo tribunal do xurado e diferente maxistrado presidente, se celebre un novo xuízo oral.

Indícase na resolución do TSXG, que “a sentenza impugnada limitouse a levar a cabo a plasmación dunha somera referencia á proba practicada sen explicitar absolutamente nada en relación ao seu valor probatorio; e tratándose de indicios os elementos incriminatorios principais -o que si pon de relevo- de ningún xeito se poñen de manifesto cales son e por que se teñen por certos, pero é que, ademais, non hai rastro algún do xuízo de inferencia que, necesariamente, debe constar na resolución que se apoia nesta proba para chegar á destrución da presunción de inocencia”.