A Comisión de Seguimento do COVID-19 prohibe a colocación de elementos para evitar contaxios que non estean avalados pola autoridade sanitaria

Entendendo que a súa instalación se fixo coa mellor vontade, consideraa que este tipo de material pode mesmo aumentar os riscos, ao non existir control sobre a súa procedencia ou instalación, nin garantías sobre a súa limpeza

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG acordou na súa reunión de hoxe lembrar que non está permitida a colocación de plásticos nas salas de vistas da comunidade, como transcendeu que se realizou nun partido xudicial galego. Estas instalacións, que xa se ordenaron retirar, non están avaladas pola autoridade sanitaria, polo que non hai ningún tipo de garantía sobre a protección que poden ofrecer. Entendendo que a súa instalación se fixo coa mellor vontade, a Comisión considera que este tipo de material pode mesmo aumentar o risco de contaxio, ao non existir control sobre a súa procedencia ou instalación, nin garantías sobre a súa limpeza.

Todos os partidos xudiciais da comunidade recibiron luvas, máscaras e xeles hidroalcohólicos para que o traballo nos xulgados se poida realizar con garantías sanitarias. Este material de protección súmase aos 170 paneis de metacrilato que xa foron instalados en servizos que teñen atención ao público.

A Dirección Xeral de Xustiza deu hoxe conta á comisión de que, de forma inmediata, se repartirán pantallas faciais individuais aos funcionarios/as que realizan tarefas de atención ao público nos xulgados de garda, rexistros civís e aqueloutros onde se poida rexistrar presenza de cidadanía.