O TSXG fixa en 700.000 euros a indemnización que debe recibir un traballador dun circuíto de motos que sufriu graves lesións por mor dun accidente

Respecto da nai do afectado, a Sala decretou que deberá recibir 130.000 euros en compensación polo dano moral derivado do vínculo co seu fillo e polos coidados que lle dispensa

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixou en 706.491 euros a indemnización que París Dakart Área Recreativa S.A., a Asociación Moto Club París Dakart, a Federación Galega de Motociclismo e AIG Europe Limited lle deberán aboar a unha persoa que traballaba na organización dunha carreira de motos e que por mor dun accidente sufriu graves secuelas que lle provocaron ter que depender dunha cadeira de rodas.

Os maxistrados, deste xeito, revogaron en parte a resolución de primeira instancia e condenaron as entidades a indemnizaren a persoa prexudicada, de forma conxunta, con 706.491 euros, importe que substitúe a cantidade de 365.108 euros fixada polo Xulgado do Social número 1 de Pontevedra. Respecto da nai do afectado, a Sala decretou que deberá recibir 130.000 euros en compensación polo dano moral derivado do vínculo co seu fillo e polos coidados que lle dispensa. “É un concepto distinto do indemnizado ao seu fillo”, indica o TSXG.

O accidente sucedeu o 20 de setembro de 2009 durante os adestramentos previos ao XXVII Campionato galego de scooters e minimotos no circuíto e instalacións da empresa París Dakart Área Recreativa. Un dos pilotos perdeu o control á saída dunha curva, caeu ao chan coa moto e foise arrastrando pola pista ata alcanzar as proteccións plásticas que se atopaban na zona de acceso, detrás das cales estaban o comisario técnico da carreira e o demandante, cuxa función era a de mover esas barreiras para lles dar acceso á pista ás motos, ou desde ela aos boxes. Debido ao golpe da moto, as proteccións caéronlle enriba ao demandante, que tiña 38 anos, e ao comisario técnico e ocasionáronlles lesións. O afectado, que foi declarado en situación de grande invalidez, sofre graves secuelas que o obrigan a depender dunha cadeira de rodas, tales como tetraparesia e a deterioración das funcións cerebrais en grao moderado, con afectación da memoria, a atención e o funcionamento executivo.

A Sala do Social entende que a maxistrada de primeira instancia non tivo en conta determinados factores para aplicar o baremo que determina as indemnizacións, que para o TSXG suman 706.491 euros. “Se ben o baremo polo que se aproba a Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor ten carácter orientativo e é de aplicación facultativa para os efectos dos accidentes de traballo, o Tribunal Supremo sinalou que se a sentenza se aparta do citado baremo deberá razoar e motivar especialmente tal decisión”, subliñan os maxistrados do TSXG.

Para o Superior, a separación do baremo por parte da xuíza non está xustificada, “pois non só se trata de que a parte demandante e os peritos realizasen as súas valoracións de acordo con aquel, senón que mesmo as propias secuelas reflectidas nos feitos probados se compaxinan con secuelas reflectidas no mencionado baremo”. Ao non o aplicar, segundo o TSXG, “a sentenza non articula suficientemente a valoración das diferentes secuelas separadamente”.

Os maxistrados tamén entenden que os 200.000 euros recoñecidos ao demandante pola súa situación de grande invalidez e polas súas necesidades de atención “non resarcen plenamente os danos sufridos, pois deben incluírse non soamente os futuros gastos derivados de tal situación, senón o dano moral”. Por iso, decreta que ese importe se incremente en 150.000 euros.