A Audiencia fixa unha indemnización de 1.573 millóns para o Estado polos danos patrimoniais, medioambientais e morais do Prestige

A resolución tamén establece un pagamento de 61 millóns a Francia. A Sala acorda o aboamento de 1,8 millóns á Xunta de Galicia polos gastos de reciclaxe do fuel

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial da Coruña notificou hoxe o auto de execución da sentenza do caso Prestige ditada en xaneiro de 2016 polo Tribunal Supremo, que modificou parcialmente a que a Sección Primeira da Audiencia coruñesa pronunciou en 2013.

Na resolución determínanse as sumas que definitivamente procede aboar aos prexudicados, cantidades que deben ser pagadas polas partes condenadas, isto é, directamente por Apostolos Ioannis Mangouras (capitán del barco) e a compañía aseguradora The London Steamship Owners Mutual Insurance Association, polo menos ata o límite de un billón de dólares estadounidenses.

Subsidiariamente, condénase a facer fronte ao pagamento destas cantidades á entidade Mare Shipping INC (propietaria do buque), mentres que o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (FIDAC) está obrigado a indemnizar ata os límites expresamente establecidos no convenio aplicable.

Deste xeito, a Sala entende que lle corresponde ao Estado español a cantidade de 1.573 millóns de euros, á Xunta de Galicia 1,8 millóns e a Francia 61 millóns de euros, ademais das sumas que se fixan para outras entidades, concellos e particulares.

En relación coa cantidade fixada para o Estado, a Sala entende que o dano patrimonial acreditado é de 931 millóns de euros, cantidade á que suma un 30% por dano medioambiental, é dicir, 279 millóns de euros. Os maxistrados entenden que a esta cifra hai que engadirlle outro 30% por dano moral indemnizable, é dicir, 363 millóns de euros, o que fai un total de 1.573 millóns.

Indica o auto que “os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración que afectou a gran parte dos cidadáns españois e franceses, senón tamén pola pegada indeleble da percepción referida a que catástrofes desta ou máis ampla magnitude poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados”.

Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo xa se recoñecía como cantidade acreditada indemnizable a de 513 millóns de euros, pero os maxistrados da Audiencia Provincial afirman que “existen demostracións técnicas que avalan a necesidade de aumentar a indemnización por riba do certificado, como se infire dos informes do Consorcio de Seguros, aceptados pola súa orixe oficial e imparcial, sen que sexan os máis favorables para o Estado”.

En relación cos 1,8 millóns que se lle adxudican á Xunta, refírense exclusivamente ao custo da reciclaxe de elementos contaminantes depositados na Sociedade Galega de Refugallos Industriais (SOGARISA), “xa que a Xunta subscribiu un acordo co Estado no que renunciaba a toda indemnización, ao considerarse integramente resarcida polos danos ocasionados polo accidente do buque Prestige”. En concreto, refírese o auto a un acordo transaccional de xullo de 2005 por importe anteriormente mencionado de 513 millóns de euros.

Os maxistrados decidiron, con respecto á suma de 22,7 millóns de euros depositada pola entidade aseguradora The London Steamship Owners (The London P&I Club), que ten que procederse á súa distribución entre os prexudicados con rateo das cantidades fixadas na resolución. En canto aos xuros, só se esixirán desde a firmeza do auto notificado hoxe. Fronte a esta resolución cabe interpoñer recurso ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.