O TSXG prohibe a un sindicato organizar unha manifestación en coches o 1 de maio en Vigo

A sala entende que non hai motivos para expor unha cuestión de inconstitucionalidade

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto pola Central Unitaria de Traballadores (CUT) contra a resolución do 21 de abril da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, na que lle denega a organización dunha manifestación o próximo 1 de maio. En consecuencia, o tribunal mantén a prohibición acordada. Ademais, imponlle o pagamento dos custos procesuais. O sindicato pediu autorización para celebrar a protesta rodada en coches particulares en Vigo, cunha persoa por vehículo, que comezaría na praza de España e finalizaría no Arenal, diante do edificio da Xunta.

Os maxistrados salientan que a decisión da Subdelegación do Goberno ten cobertura xurídica no Real Decreto polo que se declarou o estado de alarma. Así, lembran que só permite a circulación de coches para a realización de determinadas actividades ou para encher o depósito en gasolineiras. “Evidentemente, a celebración dunha manifestación formando caravana a bordo de vehículos non se atopa entre as devanditas actividades”, indican os xuíces na sentenza. O risco para a saúde pública derivado da crise sanitaria do COVID-19, segundo o TSXG, “xustifica a restrición na circulación de persoas, mesmo a bordo de vehículos, para así evitar a propagación do virus”.

Os xuíces conclúen que a decisión administrativa adoptada pola Subdelegación do Goberno “non suspende o dereito fundamental de reunión e manifestación, senón que, en congruencia co contido do Real Decreto, limita a circulación de vehículos a determinadas finalidades, entre as que non se encontra a celebración da manifestación pretendida”.

“A tutela da saúde pública coa aplicación de medidas preventivas por parte dos poderes públicos ha de ter preferencia sobre o dereito de reunión e manifestación”, recalca o Superior, á vez que indica que as precaucións que ofrece o demandante carecen de “garantía suficiente que permita acceder á celebración da manifestación”. A protección da saúde pública que motivou o estado de alarma, polo tanto, entraña “unha cobertura xurídica suficiente” para a restrición da manifestación. O tribunal destaca que é indispensable que, polo menos mentres o estado de alarma estea vixente, “non se produza unha saída masiva de cidadáns a lugares de tránsito público”.

A Sala do Contencioso-administrativo lembra que a Constitución española permite a prohibición das manifestacións en lugares de tránsito público cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública, con perigo para persoas ou bens. “No caso presente, existe un evidente perigo para a saúde pública e, polo tanto, para a vida e saúde das persoas, que xustifica esa prohibición”, argumenta o TSXG.

A sala entende que non hai motivos para expor unha cuestión de inconstitucionalidade e asegura que non observa “ningunha irregularidade na aplicación do Real Decreto”. O tribunal indica que, aínda que o estado de alarma é “o de menor intensidade”, nel si cabe a restrición ao dereito de manifestación, en contra do que defende o recorrente, que alega que esta posibilidade debería estar limitada ao estado de excepción.