O Xulgado absolve o exconcelleiro de infraestruturas de Ourense acusado de prevaricación

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 1 de Ourense absolveu un exconcelleiro de Infraestruturas do Concello de Ourense ao que a Fiscalía acusaba dun delito continuado de prevaricación administrativa pola forma na que en 2008, cando exercía de edil, se contratou a execución das obras de acondicionamento de espazos urbanos da rúa Bedoya e da praza Paz Novoa.

Os traballos, financiados pola Xunta, foron adxudicados mediante procedemento negociado sen publicidade. “Non quedou probado que o acusado tivese coñecemento de que acudir a ese procedemento contraviñese a normativa vixente”, destaca a xuíza na sentenza, na que resalta que o valor de cada un dos contratos de adxudicación das obras “non supera o millón de euros”. Ademais, a titular do Xulgado do Penal número 1 de Ourense salienta que era necesaria “unha pronta execución das obras por causa non imputable ao órgano de contratación”, xa que os prazos foron fixados pola Xunta.