O xulgado arquiva a causa contra o expresidente do Deportivo da Coruña por presuntos delitos societarios

A maxistrada considera acreditado que os investigados “incumpriron normas contables” e que as contas “non reflectían unha imaxe fiel do patrimonio”, algo que os auditores “xa fixeran constar nos diferentes informes”.

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña decretou o sobresemento provisional e arquivo da causa na que se investigaba ao anterior presidente do Real Clube Deportivo da Coruña, Augusto C. L., pola posible comisión de delitos societarios entre 2007 e 2014, nos seus últimos anos como presidente da entidade, así como contra o exasesor xurídico do clube, Germán R.C. A maxistrada considera acreditado que os investigados “incumpriron normas contables” e que as contas “non reflectían unha imaxe fiel do patrimonio”, algo que os auditores “xa fixeran constar nos diferentes informes”.

Esa “desfiguración ou falsidade”, con todo, debe ser “de tal entidade que poida causar un prexuízo económico e ademais un prexuízo cuantificable, mensurable”, segundo destaca a instrutora, quen argumenta que os informes da causa “non determinan exactamente o prexuízo ocasionado ou que puidese ocasionarse con esa desfiguración contable ás partes acusadoras”.

“Non resultou acreditado que os investigados obtivesen beneficio indebido como resultado da desfiguración contable imputable aos mesmos”, recalca a maxistrada no auto, no que tamén sinala que “non aparece acreditada a existencia de dolo directo para prexudicar ao R.C. Deportivo ou ao denunciante a través do falseamiento das contas anuais”.