A Audiencia condena a catro anos de cárcere o autor dun incendio que calcinou 180 hectáreas en Ribeira

O tribunal tamén lle impuxo o aboamento dunha indemnización á Xunta de 85.203 euros polos gastos de extinción e de 79.062 euros á Consellería do Medio Rural e aos tres propietarios de terreos afectados polos danos orixinados na madeira

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a catro anos de cárcere como autor dun delito de incendio un cazador que participara na extinción de varios lumes como voluntario de Protección Civil cando en agosto de 2013 provocou un incendio próximo a núcleos urbanos de Ribeira.

O tribunal tamén lle impuxo o aboamento dunha indemnización á Xunta de 85.203 euros polos gastos de extinción e de 79.062 euros á Consellería do Medio Rural e aos tres propietarios de terreos afectados polos danos orixinados na madeira. O lume, cuxa extinción durou unhas 60 horas, calcinou 180 hectáreas, das cales 130 eran de monte arborado, atravesou a autovía do Barbanza e propagouse ata un polígono industrial e ás proximidades do hospital. O tribunal destaca que a Dirección Xeral de Montes da Xunta o cualificou de nivel 1 debido “ao seu grave risco”.

Os maxistrados indican na resolución que o imputado coñecía “o monte incendiado, os seus camiños e as condicións medioambientais que provocan a propagación do lume” e conclúen que foi orixinado “de forma intencionada, non por unha neglixencia”. Así, sosteñen que o condenado “provocou voluntariamente, polo menos, dous focos de lume practicamente simultáneos na proximidade de dous núcleos rurais”.

O tribunal recalca que o incendio “repercutiu moi negativamente, tanto nos valores recreativos e sociais da zona como na deterioración do patrimonio medioambiental e arqueolóxico”, ademais de causar “cuantiosas perdas económicas”, tal e como figura nun informe da Xunta.