A Audiencia de Pontevedra absolve un acusado de abusar da súa parella menor de idade

O tribunal considera acreditado que o sospeitoso ten “unha capacidade intelectual inferior á media que corresponde á súa idade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu un acusado dun delito de abuso sexual por iniciar, cando tiña 20 anos, unha relación sentimental cunha muller de 13. O tribunal considera acreditado que o sospeitoso ten “unha capacidade intelectual inferior á media que corresponde á súa idade” e conclúe que tanto o sospeitoso como a súa parella presentan “un grao de madurez semellante para determinarse no ámbito sexual”.

“Ningún dato existe que permita concluír que o consentimento estivese viciado ou que as facultades da menor se atopasen anuladas, diminuídas ou afectadas dalgunha maneira relevante ou que concorrese algunha circunstancia que lle impedise outorgar o consentimento de maneira libre e voluntaria”, salientan as xuízas na sentenza, na que indican que “tampouco consta que o consentimento estivese viciado pola superioridade ou influencia exercida polo acusado sobre a menor, que non mostra ningún indicio de temor cara a el”. O tribunal tamén recalca que “as posicións do acusado e da menor nas relacións sexuais mantidas son próximas en canto ao grao de desenvolvemento ou madurez” e, polo tanto, conclúe que non existe delito de abuso sexual.