O Xulgado multa con 1.800 euros a un veciño da Coruña reincidente en desobedecer as ordes da policía sobre o confinamento

O xuíz tivo en conta a agravante de reincidencia, pois xa fora sancionado e condenado por feitos similares en diversas ocasións

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 1 da Coruña condenou esta semana ao pagamento dunha multa de 1.800 euros, por cometer un delito de desobediencia, a un veciño da cidade que mostrou un “total desprezo ás disposicións normativas e aos requirimentos efectuados por axentes da autoridade de que non se podía atopar na vía pública”.

O xuíz, que tivo en conta a agravante de reincidencia, pois xa fora sancionado e condenado por feitos similares en diversas ocasións, relata na sentenza que o sospeitoso se atopaba na rúa Barcelona “sen motivo xustificado” sobre as 22.20 horas do pasado 9 de abril. Os axentes da Policía Local que o interceptaron constataron que fora sancionado por incumprimento das medidas de seguridade do estado de alarma o 22 de marzo e, en dúas ocasións, o 4 de abril.

Ademais, ese mesmo día pola mañá aceptara no xulgado de garda ser condenado a seis meses de prisión por estar na avenida Pedro Barrié de la Maza sen motivo xustificado. Tras conformarse coa pena de seis meses de prisión, quedou en liberdade. Ese mesmo día ás 22.20 horas foi localizado na rúa Barcelona. O xuízo por estes últimos feitos celebrouse esta semana e o investigado aceptou ser multado con 1.800 euros. Contra a sentenza non cabe recurso porque foi ditada baixo a conformidade de todas as partes implicadas no procedemento.