A Audiencia de Pontevedra condena a 20 anos de prisión a un home por acabar coa vida da súa ex moza

O maxistrado presidente imponlle tamén a prohibición de residir e acudir á parroquia onde se cometeu o crime, ao lugar de Acevedo e á cidade de Pontevedra durante 25 anos

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condena a 20 anos de prisión por un delito de asasinato con aleivosía coa agravante de parentesco ao home considerado culpable por un xurado popular de acabar coa vida da súa ex moza en Ponte Sampaio. O maxistrado presidente imponlle tamén a prohibición de residir e acudir á parroquia onde se cometeu o crime, ao lugar de Acevedo e á cidade de Pontevedra durante 25 anos.

O xurado popular considerou probado que o acusado esperou á muller nas inmediacións do seu domicilio e que, con permiso da vítima, subiuse ao seu coche unha vez chegou. Alí comezaron a rifar e "con ánimo de acabar coa súa vida e de forma sorpresiva, sen que ela puidese reaccionar e defenderse, atacouna cunha arma branca", indica a sentenza.

Aínda que o home confesou os feitos cando foi detido, o tribunal non considerou que isto supuxese ningunha colaboración para esclarecer o crime, posto que nese momento sospeitábase da súa participación nos feitos e xa se seguían actuacións xudiciais contra el.