O hospital Povisa é condenado a indemnizar a un home con 60.000 euros por dano moral tras un diagnóstico erróneo de VIH e hepatite

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Vigo condenou ao hospital Povisa a indemnizar con 60.000 euros por dano moral a un home que foi diagnosticado por erro como portador do VIH e hepatite, situación que se prolongou durante quince anos.

Indícase na sentenza que como consecuencia de ter coñecemento deste diagnóstico, o home foi repudiado pola súa familia e ademais, "recaeu no consumo de substancias estupefacientes; o cal, unido ao que el cría unha curta esperanza de vida, fixo que comezase unha espiral delituosa que o levou a ingresar en prisión no ano 2002".

Afirma o maxistrado que "se trata dun caso particular de exclusión social, caracterizado por dificultade na continuidade laboral, ausencia ou insuficiencia de apoios familiares ou comunitarios, marxinación social e, desde logo, falta de sensibilización da poboación en xeral fronte á problemática relacionada co VIH ou a hepatite asociada ao virus".