Condenado a 13 meses de prisión o único acusado da Operación Campión que non chegou a un acordo con Fiscalía

A Audiencia de Lugo confirma as penas pactadas polos outros 12 acusados antes do xuízo

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 13 meses de prisión a J. R.D., -da empresa Proitec-, o único acusado da Operación Campión que non chegou a un acordo co Ministerio Público. A sentenza fixa para el unha pena de 13 meses de prisión como cómplice dun delito de fraude de subvencións tentado e outro de fraude de subvencións de fondos europeos consumado. O tribunal tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas. Por estes delitos establece, ademais, o pago dunha multa de 2,5 millóns de euros. Trátase do único dos trece acusados por esta operación -que investigou supostas concesións irregulares de subvencións públicas a través da firma farmacéutica Nupel- que non chegou a un acordo coa Fiscalía.

Para os demais acusados, a Audiencia recolle as condicións do seu acordo co Ministerio público. Entre eles, está o principal procesado da trama, o empresario lucense J.D., que aceptou cinco anos e 11 meses de prisión, fronte aos 19 anos que se lle pedían inicialmente. Acordáronse igualmente multas económicas que ascenden a máis de seis millóns de euros por delitos contra a Facenda pública, falsidade en documentación mercantil, branqueo de capitais e insolvencia punible.

A Operación Campión, iniciada en maio de 2011, investigou a varios cargos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xunto co empresario lucense J.D. e o seu socio en Nupel, entre outras persoas, por supostas concesións irregulares de subvencións a través desa firma farmacéutica lucense. Ademais, o caso salpicou tamén a altos cargos políticos de varios partidos.