A Audiencia condena a 18 anos e medio de cárcere ao home que asasinou en Ponte Caldelas ao marido da muller coa que mantivo unha relación

Autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 18 anos e medio de cárcere e a oito anos de liberdade vixiada como autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento ao home que en novembro de 2015 apuñalou na súa casa de Ponte Caldelas o marido da muller coa que mantivo “unha relación intermitente”. Á hora de ditar a pena tiveron en conta as atenuantes de confesión e de dilacións indebidas. O acusado tamén foi condenado á prohibición de comunicarse e aproximarse á esposa do falecido durante 23 anos e a pagar unha indemnización a cada un dos pais da vítima de 40.000 euros; e, á muller, de 30.000 euros.

O Tribunal do Xurado considerou probado que o acusado acudiu ao domicilio da vítima e que cando soubo que seguía vivindo coa súa esposa “tirouno ao chan e asestoulle diversas puñaladas en distintas partes do corpo” que lle ocasionaron a morte. O ataque, segundo o Tribunal do Xurado, foi “sorpresivo e inesperado”, polo que o falecido careceu de oportunidade de defensa.