As demandas de ruptura matrimonial caeron en Galicia un 9,7% o ano pasado

En 2016 presentáronse nos xulgados da comunidade 6.601 demandas de divorcio e separación, fronte ás 7.307 de 2015

Autor
Comunicación Poder Judicial

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia o ano pasado foi de 6.601, fronte ás 7.307 que se recibiron nos xulgados da comunidade en 2015, o que supón un descenso do 9,7 por cento.

Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, baixaron na comunidade en 2016 tanto os divorcios consensuados (de 3.928 no ano 2015 a 3.502 en 2016, o que supón unha caída do 10,8 %), como os non consensuados (de 3.029 a 2807, un 7,3 % menos). En relación ás separacións de mutuo acordo, pasaron de 246 en 2015 a 178 o ano pasado, cunha caída do 27,6 por cento, mentres que as separacións contenciosas aumentaron un 9,6 %, ao pasar de 104 a 114. O ano pasado rexistráronse catro peticións de nulidade matrimonial, fronte ás sete de 2015.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2016, Galicia sitúase en 2,4 peticións por cada 1000 habitantes, por baixo da media estatal (2,6).

O ano pasado iniciáronse 542 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 5,7 % máis que en 2015, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1864, o que supón un descenso do 3,9 por cento.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 836 demandas de modificación de medidas consensuadas,  o que supón un descenso do 4 % con respecto a 2015. Aumentan lixeiramente, con todo, as demandas non consensuadas, ao pasar das 1329 en 2015 a 1333 en 2016, o que supón un 0,3 por cento máis.

Consulte os datos estatísticos en:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Demandas-presentadas-de-nulidades--separaciones-y-divorcios/