O TSXG ratifica as medidas adoptadas pola Xunta en Ourense como consecuencia da COVID-19

A Sala entende que a solicitude está xustificada no informe da Consellería de Sanidade sobre a situación da pandemia nesas zonas e, ademais, destaca que o Ministerio Fiscal se mostrou favorable a ela

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu hoxe un auto no que ratifica as medidas adoptadas no punto segundo da orde da Consellería de Sanidade do 7 de outubro pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín, así como na provincia de Ourense.

“Resulta que as medidas solicitadas son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito”, destaca o TSXG.

A Sala entende que a solicitude está xustificada no informe da Consellería de Sanidade sobre a situación da pandemia nesas zonas e, ademais, destaca que o Ministerio Fiscal se mostrou favorable a ela. O TSXG salienta que aínda que as medidas “implican a privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental que indica a autoridade sanitaria que solicita a intervención do órgano xudicial”, conclúe que teñen “amparo nas leis que fundamentan a solicitude”.

A Sala tamén ratificou as medidas adoptadas no punto primeiro da orde do 07 de outubro sobre as medidas de prevención tomadas pola Xunta como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na comarca de Santiago e nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis y Cambados.