Os xulgados galegos exclusivos de cláusulas chan comezan a celebrar audiencias previas

En Lugo, onde xa se ditou a primeira sentenza en relación a asuntos ingresados desde o 1 de xuño, haberá unha vista a próxima semana e en Vigo e A Coruña en setembro. Os catro xulgados exclusivos da comunidade recibiron máis de 1600 demandas en menos de dous meses

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os catro xulgados galegos de cláusulas chan recibiron desde o 1 de xuño máis de 1600 demandas relativas a litixios relacionados coas condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario é unha persoa física.

O xulgado exclusivo de Vigo, Primeira Instancia nº14, é o que recibiu máis demandas: 741 ata última hora de onte. A metade delas xa foron tramitadas e as primeiras audiencias previas están sinaladas para o 4 de setembro. Para o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, "tendo en conta os problemas informáticos iniciais, que agosto é inhábil e que as entidades financeiras están a apurar ao máximo os prazos para contestar ás demandas, pódese dicir que o ritmo de sinalamentos do xulgado exclusivo é moi áxil". Serrano insistiu en que "é necesario destacar que o volume de entrada actual impón que en breve se interese o desdobramento da medida de reforzo, tal como prevé o acordo do CXPX, dotando de máis persoal ao xulgado". Ademais, lembrou que está previsto que en setembro se celebre unha reunión de decanos co Consello Xeral para analizar a situación e avaliación da medida.

Na Coruña, desde o 1 de xuño, data de posto en funcionamento dos xulgados exclusivos, presentáronse 615 demandas e está previsto que a primeira audiencia previa se celebre o 25 de setembro. Do mesmo xeito que en Vigo, o Xulgado de Primeira Instancia nº7 da Coruña -seleccionado polo Consello para coñecer de maneira exclusiva na provincia destes asuntos- conta cun xuíz e tres funcionarios para facerse cargo do reforzo. Con respecto aos letrados da Administración de Xustiza, na Coruña foi asignada unha letrada en comisión de servizos e, en Vigo, aprobouse unha prolongación de xornada para a titular do órgano.

O Xulgado número 2 de Lugo recibiu ata o momento 48 asuntos. É a única provincia onde se ditou algunha sentenza con respecto ás demandas recibidas desde a entrada en vigor do plan de reforzo. Neste caso, foi posible porque a parte demandada achandouse ás pretensións do cliente. As primeiras audiencias previas están sinaladas para o 31 de xullo e os primeiros xuízos previstos para o 25 e 27 de setembro.

O xulgado exclusivo de cláusulas chan en Ourense é o Xulgado de Primeira Instancia nº4, tamén con competencia en Mercantil. Neste caso, o xulgado tamén foi reforzado cun xuíz. Recibiron 210 demandas, das que a metade xa foron tramitadas.

Nas audiencias previas fíxase o obxecto do litixio, as partes propoñen proba e o xuíz admite as que considera procedentes para resolver o preito exposto. Se as partes propoñen só proba documental, o asunto quedaría xa visto para sentenza. En caso contrario, é necesaria a celebración de xuízo.

O pasado 1 de xuño púxose en marcha o plan de urxencia aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial ante o previsible aumento de litixios sobre cláusulas abusivas en escrituras hipotecarias como consecuencia da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do 21 de decembro de 2016 en relación coas cláusulas chan.

O plan consiste na especialización de Xulgados de Primeira Instancia -un por provincia na península e un en cada unha das principais illas dos arquipélagos canario e balear-, que desde entón coñecen, de maneira exclusiva e non excluínte, dos litixios relacionados coas accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física.