O TSXG fixa en catro anos e tres meses de cárcere a condena a un garda civil que ameazou a súa exparella

O Superior acolleu parcialmente o recurso de apelación interposto polo acusado e absolveuno do delito de malos tratos

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) reduciu en catro meses de cárcere a condena de catro anos e sete meses de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un garda civil por cometer un delito de malos tratos e outro de violencia habitual, así como un delito continuado de ameazas e outro de descubrimento e revelación de segredos. O Superior acolleu parcialmente o recurso de apelación interposto polo acusado e absolveuno do delito de malos tratos. O resto da sentenza foi confirmada, polo que finalmente o sospeitoso foi condenado a catro anos e tres meses de prisión e a seis anos de inhabilitación, ademais de a tres anos de privación do dereito á tenza e porte de armas e á prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse á súa exparella durante oito anos.

A Sala do Civil e do Penal indica que a Audiencia non se baseou “en proba de cargo netamente incriminatoria” para entender que o acusado cometeu un delito de malos tratos. Para o TSXG, a valoración da proba practicada no xuízo “non foi suficiente para entender enervada a presunción de inocencia”. Así, sinala que a prexudicada “non declarou sobre o feito acaecido no vehículo oficial que utilizaba o acusado cando aínda non tivera lugar a ruptura e, polo tanto, non concretou que sucedeu naquela situación, narrando o que lle dixo o acusado, como a colleu do pelo e como lle golpeou na perna”. Os maxistrados do alto tribunal salientan que a muller non expuxo “de forma concreta, clara e precisa que foi o que sucedeu naquel momento”. Por iso, absolve o sospeitoso dese delito.

O TSXG si considera acreditado que o procesado cometeu un delito de ameazas, xa que lle remitiu múltiples mensaxes ao móbil, e outro de violencia habitual. Así, respecto a este último, salienta que existiu “continuidade nas ameazas proferidas á súa exparella, capaces de provocar nela temor e desasosego”.

Os maxistrados, do mesmo xeito que a Audiencia, entenden que o sospeitoso cometeu un delito de revelación de segredos ao facer uso do contrasinal que tiña polo seu posto de traballo e acceder ás bases de datos da Garda Civil, entre elas á da DXT, hospedaxes, pasaxeiros ou navieiras, para obter información persoal da afectada.