Penas que superan os 35 anos de prisión para dous acusados de trata de seres humanos

Sostense no fallo que, con todo, a verdadeira finalidade, unha vez que os prexudicados accederan a acompañalos, era obrigalos a traballar para eles “sen abonarlles remuneración algunha, aloxándoos en habitáculos en condicións hixiénicas lamentables"

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condena ás catro persoas xulgadas polo caso dos indixentes, aínda que as penas impostas ás dúas mulleres son menores. Un dos homes acusados foi condenado a 36 anos de prisión e o outro a 35 e seis meses. En ambos os casos son considerados culpables de catro delitos de trata de seres humanos e outros catro de imposición de tratos degradantes. En canto ás súas esposas, unha delas foi condenada a un ano de prisión por un delito de tenencia ilícita de armas, e a outra a seis meses por imposición de tratos degradantes.

Segundo a sentenza, os dous acusados homes, postos de común acordo, “decidiron poñer en práctica un plan que consistía en gañarse a confianza de persoas en situación de risco de exclusión social, e que ademais presentaban limitacións ben físicas, ben psíquicas, para ofrecerlles a posibilidade de colaborar con eles nunha serie de traballos inicialmente non concretados e cunhas condicións económicas tampouco precisadas”.

Sostense no fallo que, con todo, a verdadeira finalidade, unha vez que os prexudicados accederan a acompañalos, era obrigalos a traballar para eles “sen abonarlles remuneración algunha, aloxándoos en habitáculos en condicións hixiénicas lamentables, perseguindo ademais quedar no seu propio beneficio coas pensións ou axudas públicas que estas persoas percibían ou puidesen chegar a percibir, maltratándoos non só física senón tamén psicoloxicamente para así impoñer a súa vontade, logrando deste xeito que estas persoas, a pesar de desexar poñer fin a esta situación, non se atrevesen a facelo, polo medo que sentían cara a eles”. Para os maxistrados, o ambiente de fustrigación a que estaban sometidas as vítimas “era tal que lles impedía tomar decisións por si mesmas”.