O escritor Lorenzo Silva destaca a percepción de compromiso dos xuíces que ten a cidadanía

“Sei que co seu sacrificio non se poden paliar todas as deficiencias do sistema, pero se cadra algunhas si”, afirmou na Escola de Verán do Poder Xudicial

Autor
Comunicación Poder Judicial
El escritor Lorenzo Silva junto al vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández
El escritor Lorenzo Silva junto al vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández

O escritor Lorenzo Silva destacou hoxe na Escola de Verán do Poder Xudicial a percepción que existe na sociedade de que os xuíces “ademais de competentes, están cada vez máis comprometidos coa sociedade como defensor dos dereitos e liberdades dos cidadáns e en ocasións ata dos desfavorecidos fronte aos poderosos en temas como os desafiuzamentos ou os produtos financeiros”. Silva participou na penúltima sesión da Escola de Verán, que se celebra no pazo de Mariñán baixo o título Que Xustiza desexan os xuíces españois.

O escritor apelou ao compromiso que os funcionarios públicos teñen coa sociedade “en situacións difíciles”. “Sei que co sacrificio dos xuíces non se poden paliar todas as deficiencias do sistema, pero se cadra algunhas si. E sei que moitos estarán ao límite das posibilidades, pero o servidor público en España ten un plus de responsabilidade nestes momentos complicados”, afirmou.

Lorenzo Silva referiuse tamén á necesidade de que os xuíces fagan intelixibles as súas resolucións “para que os cidadáns teñan unha mellor comprensión da xustiza”. “Hai que recoñecer que se avanzou moito, pero aínda é necesario facer un maior esforzo para seguir mellorando” na claridade da linguaxe que utilizan os xuíces, dixo.

Tras o relatorio de Silva celebrouse unha mesa redonda sobre A Xustiza vista por xuíces desde outra óptica. Nela participaron Agustín Azparren Lucas, avogado e maxistrado en excedencia; Juan Carlos Campo Moreno, maxistrado da Audiencia Provincial de Cádiz, en situación de servizos especiais e deputado; e Pilar Teso Gamella, maxistrada da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.