A Audiencia rexeita autorizar o cambio de cidade de dúas menores solicitado por un proxenitor coa garda e custodia provisional

Esíxelle que escolarice as menores no mesmo centro escolar no que estaban

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña confirmou o auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa que rexeitaba autorizarlle o cambio de colexio de dúas menores ao proxenitor que ten a súa garda e custodia de forma provisional, mentres se tramita o proceso de divorcio. Ademais, esíxelle que escolarice as menores no mesmo centro escolar no que estaban.

“Non se acomoda ao réxime de provisionalidade da garda e custodia que decida, sen coñecemento nin consentimento do outro proxenitor e cotitular da patria potestade, unha alteración tan importante na vida das menores como é mudarse de núcleo poboacional (onde tiñan as súas amizades e familia extensa, onde cursaran os seus estudos ata ese momento) para pasar a residir nunha capital de provincia onde non coñecen a ninguén, carecen de familia, sen amigos e sen traballo, empezando nun colexio totalmente novo”, indica a Audiencia na resolución, na que destaca que a recorrente “debía de ser consciente de que o sistema de garda e o réxime de visitas podía ser alterado en poucos meses”.

O tribunal considera que ao cambiar de domicilio “interpuxo o seu persoal interese, o seu desexo de marchar da poboación onde residira co outro proxenitor, e á que aparentemente nada a ataba, para desvincularse del”. A Audiencia sostén que, desa forma, está “a xerar unha situación de desarraigamento das menores, separándoas da súa familia paterna extensa e dos seus amigos e compañeiros colexiais”.

“O interese superior das menores, neste momento, é permaneceren na mesma situación en que se achaban, polo menos ata as medidas definitivas”, recalcan os xuíces. A Audiencia asegura que, “salvo que se acreditase un claro prexuízo, un concreto perigo para a integridade física ou psíquica das nenas, non pode considerarse que sexa no seu interese esa separación forzosa do seu pai e familia paterna”. Ademais, indica que a medida de cambio de domicilio e de centro escolar “non foi solicitada ao outro cotitular da patria potestade, senón que se lle impuxo como feito consumado, cando se sabía que en poucos meses se ían adoptar medidas definitivas”.