A Audiencia condena a 13 anos de cárcere o home que asasinou o seu amigo en Labañou

O Tribunal do Xurado considerou probado que durante uns minutos apertou co seu brazo fortemente o pescozo do seu amigo

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto de culpabilidade emitido polo Tribunal do Xurado, condenou como autor dun delito de asasinato aleivoso, concorrendo a atenuante moi cualificada de confesión, á pena de 13 anos de cárcere ao home que estrangulou ao seu compañeiro de piso en abril de 2019 en Labañou.

O sospeitoso, segundo a sentenza, dirixiuse á habitación onde estaba a vítima para enfrontarse a ela e pedirlle explicacións acerca dos seus comentarios e actitude despectiva cara a el, polo que xurdiu entre ambos unha discusión e enfrontamento verbal. Durante a disputa provocada polo condenado, o falecido dirixiuse ao baño, ata onde foi perseguido polo seu amigo. Unha vez alí, segundo a resolución, “de forma sorpresiva e sen darlle ningunha oportunidade de reacción defensiva á vítima e coa intención de acabar coa súa vida, desestabilizouna agarrándoa polo pescozo co brazo dereito, apertando con forza ata que a virou, quedando as costas daquel contra o seu peito”.

O Tribunal do Xurado considerou probado que durante uns minutos apertou co seu brazo fortemente o pescozo do seu amigo. “Despois de escoitar un chasquido e notar como cedía a zona do pescozo, deixou de facer forza co seu brazo, pero non o soltou e, continuando co propósito e intención de acabar coa súa vida e estando aínda ás costas do falecido, colleulle o cinto que este levaba posto e colocoullo no pescozo, presionando con forza ata provocarlle a asfixia e morte”, relata a Audiencia na resolución, na que indica que o condenado foi diagnosticado na súa exploración forense de personalidade con algún trazo esquizoide, con restrición da expresión emocional, apatía e frialdade emocional.

O maxistrado presidente salienta que “non existe eximente no delito, dado que o Xurado descartou que ese diagnóstico afectase á súa vontade ou á súa capacidade de comprensión dos feitos e as súas consecuencias”.