O xulgado ratifica as medidas que restrinxen o dereito de reunión en municipios coruñeses debido á COVID-19

O maxistrado que ditou os dous autos considera a medida proporcionada

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da Coruña ratificou as medidas restritivas de dereitos fundamentais aprobadas pola Xunta o pasado 2 de setembro nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada para facer fronte á COVID-19. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña tamén ratificou as medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do coronavirus nos concellos da Laracha e Carballo. En todos os casos as restricións limitan o dereito de reunión.

O maxistrado que ditou os dous autos considera a medida proporcionada. Así, entende que, “na obrigada ponderación” entre o dereito á vida e o dereito de reunión, se debe dar “obrigada preferencia” ao dereito á vida, “aínda que iso impoña unha limitada material e temporalmente restrición do dereito de reunión”. Ademais, lembra que as autoridades sanitarias “poden intervir nas actividades públicas e privadas en orde á protección da saúde da poboación e a prevención de enfermidades”.

Tras analizar os informes sobre a progresión dos rebrotes nos distintos concellos afectados, o xuíz indica que o risco “aparece como alto”. O maxistrado destaca nos dous autos que a medida que afecta ao dereito de reunión “aparece, desde logo, como necesaria, ao esgotarse anteriores medidas de intervención de menor incidencia na liberdade e dereitos dos cidadáns”. Ademais, salienta que é “adecuada”, atendendo “á lóxica dos procesos de transmisión, aos informes e ao ben xurídico a cuxa protección se dirixe: a vida”.