Funcións y competencias da Sala de Goberno

As salas de goberno, tamén as constituídas en réxime de comisión, desempeñarán a función de goberno dos seus respectivos tribunais e, en particular, compételles:

1.º Aproba-las normas de repartición de asuntos entre as distintas seccións de cada sala.

2.º Establecer anualmente con criterios obxectivos as quendas precisas para a composición e funcionamento das salas e seccións do tribunal e das audiencias provinciais do territorio, así como de modo vinculante as normas de asignación das comisións relatoras en que deban rota-los maxistrados.

3.º Adoptar, con respecto á inamovibilidade xudicial, as medidas necesarias nos casos de disidencia entre maxistrados que poidan influír na boa orde dos tribunais ou na administración da xustiza.

4.º Completar provisoriamente a composición das salas nos casos en que, por circunstancias sobrevidas, for necesario para o funcionamento do servicio, sempre sen prexuízo de respecta-lo destino específico dos maxistrados de cada sala.

Así mesmo, tomar coñecemento, aprobar provisionalmente e remitir ao Consello Xeral do Poder Xudicial para a súa aprobación definitiva, nos termos e, no seu caso, coas correccións que procedan, a relación de xuíces e maxistrados propostos de conformidade co previsto nos tres primeiros apartados do artigo 200 da presente Lei, así como velar polo seu cumprimento.

5.º Propor motivadamente ó Consello Xeral do Poder Xudicial os maxistrados suplentes expresando as circunstancias persoais e profesionais que neles concorran, a súa idoneidade para o exercicio do cargo e para a súa actuación nunha ou en varias ordes xurisdiccionais, as garantías dun desempeño eficaz da función e a aptitude demostrada polos que xa tivesen actuado no exercicio de función xudiciais ou de substitución na carreira fiscal, con razoada exposición da orde de preferencia proposta e das exclusións de solicitantes. As propostas de adscrición de maxistrados suplentes como medida de reforzo estarán suxeitas a idénticos requisitos de motivación dos nomes e da orde de preferencia propostos e das exclusións de solicitantes.

6.º Exerce-las facultades disciplinarias sobre maxistrados nos termos establecidos nesta lei.

7.º Propor ó presidente a realización das visitas de inspección e información que considere procedentes.

8.º Promove-los expedientes de xubilación por causa de incapacidade dos maxistrados, e emitir informe.

9.º Elabora-los informes que lle solicite o Consello Xeral do Poder Xudicial e a memoria anual expositiva sobre o funcionamento do tribunal, con expresión detallada do número e clase de asuntos iniciados e terminados por cada sala, ben como dos que se encontraren pendentes, precisando o ano da súa iniciación, todo isto referido ó 31 de decembro. A memoria deberá conter, en todo caso, a indicación das medidas que se consideren necesarias para a corrección das deficiencias advertidas.

10.º Propor ó Consello Xeral do Poder Xudicial a adopción das medidas que xulgue pertinentes para mellora-la Administración de xustiza no que atinxe os respectivos órganos xurisdiccionais.

11.º Recibi-lo xuramento ou promesa legalmente establecidos dos maxistrados que integran os respectivos tribunais e darlles posesión.

12.º Recibir informes do secretario de goberno, por iniciativa deste ou da propia sala, en todos aqueles asuntos que, por afectaren as oficinas xudiciais ou secretarios xudiciais que del dependan, esixan dalgún tipo de actuación. Neste caso, o secretario de goberno terá voto no acordo que poida chegar a adoptarse.

13.º Promover ante o órgano competente a esixencia das responsabilidades disciplinarias que procedan de secretarios xudiciais, do persoal ó servicio da Administración de xustiza ou de calquera outro que, sen ter esta condición, preste os seus servicios de forma permanente ou ocasional nesta.

14.º En xeral, cumpri-las demais funcións que as leis atribúan ós órganos de goberno interno dos tribunais e que non estean atribuídas expresamente ós presidentes.

Ás salas de goberno dos tribunais superiores de xustiza, en pleno ou en comisión, compete ademais:

1.º Aproba-las normas de repartición de asuntos entre as salas do tribunal e entre as sección das audiencias provinciais e xulgados da mesma orde xurisdiccional, con sede na comunidade autónoma correspondente. Excepcionalmente, de forma motivada, e cando as necesidades do servicio así o esixiren, a sala de gobernó poderá ordenar que se libere da repartición de asuntos, total ou parcialmente, por tempo limitado, unha sección ou un xuíz determinado.

2.º Exerce-las facultades dos números quinto ó décimo cuarto do número anterior, pero referidas tamén ós órganos xurisdiccionais con sede na comunidade autónoma correspondente ós xuíces e maxistrados neles destinados.

3.º Expedi-los nomeamentos dos xuíces de paz.

4.º Tomar coñecemento dos plans anuais de substitución elaborados polas Xuntas de Xuíces, aprobalos provisionalmente nos termos e, no seu caso, coas correccións que procedan e remitilos ao Consello Xeral do Poder Xudicial para a súa aprobación definitiva. Ademais, velarán polo seu cumprimento. (Artigo 152 LOPX)