O xuíz chama a declarar na causa do Alvia a un xerente e a un xefe de Inspección de Seguridade de ADIF no momento do accidente

Trátase de Fernando R.S. e José Antonio G.D., xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF e xefe de Inspección da citada xerencia, respectivamente, no momento dos feitos

Autor
Comunicación Poder Judicial

O titular do Xulgado de Instrución nº3 de Santiago acordou chamar a declarar a dúas novas persoas en calidade de investigados na causa que se segue polo accidente do tren Alvia. Trátase de Fernando R.S. e José Antonio G.D., xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF e xefe de Inspección da citada xerencia, respectivamente, no momento dos feitos.

Para o maxistrado “é indubidable que o seu testemuño resulta moi necesario para esclarecer algúns dos defectos que, no que se refire á xestión da seguridade e riscos inherentes á liña, xustificaron no seu día a imputación do Sr. C., o cal, na súa condición de director de Seguridade na Circulación de ADIF, é indubidable que tivo que contar coa colaboración dos aludidos xerente e xefe de Inspección, por iso é polo que a súa declaración ten que ser prestada en calidade de investigados co fin de salvagardar o seu dereito de defensa, pois non é descartable que boa parte dos reproches que xustificaron a imputación do Sr. C. poidan ser extensivos aos seus dous aludidos colaboradores”.

No mesmo auto, o xuíz acorda chamar a declarar a outras nove persoas en calidade de testemuñas e a catro peritos. Acórdase así mesmo “a entrega e posta a disposición de RENFE OPERADORA dos restos do material rodante para que, unha vez firme a presente resolución, poida conferirlles o destino que os técnicos estimen oportuno”. Indícase na resolución que “a súa preservación non resulta xa necesaria a estas alturas para garantir o bo fin da presente instrución”.