O Xulgado estima a demanda colectiva de Acouga contra Abanca polo cobro de cláusulas chan

A maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña estimou a demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra Abanca na que reclamaba a devolución dos cartos cobrados de máis aos clientes con préstamos hipotecarios con cláusulas chan subscritos con anterioridade a maio de 2013.

A maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas en virtude da sentenza do Tribunal Supremo do 9 de maio de 2013. Contra a resolución cabe presentar recurso de apelación.

Acouga agrupa a máis dun milleiro de prexudicados na demanda colectiva. Nela reclamábase a devolución dos cartos cobrados de máis aos clientes con hipotecas asinadas con anterioridade a maio de 2013, data á que o Supremo limitaba a retroactividade. Unha vez que a sentenza sexa firme, poderán beneficiarse os afectados que tivesen cláusulas chan con Caixa Galicia ou Caixanova.