O Superior confirma a delimitación do Camiño de Santiago preto de Lavacolla

Os maxistrados salientan que o demandante “non acredita suficientemente a falta de rigor histórico da delimitación realizada no decreto”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da sala do Contencioso-administrativo do TSXG rexeitou o recurso interposto contra o decreto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no que se aprobou a delimitación do roteiro principal do Camiño de Santiago, en concreto, do Camiño Francés, no límite do aeroporto de Lavacolla, no Concello do Pino.

Os maxistrados salientan que o demandante “non acredita suficientemente a falta de rigor histórico da delimitación realizada no decreto”. Ademais, aseguran que “segue un concepto puramente historicista e estático do Camiño de Santiago, conforme ao cal todo lugar polo que se produciu durante un tempo o paso de quen peregrinaba a Santiago de Compostela ten que ser considerado traza do camiño e recuperada e protexida como tal, aínda que actualmente non poida, en razón do seu estado, utilizarse como lugar de tránsito”. O tribunal, ademais, destaca que o Camiño, “máis que pertencer ao patrimonio de bens materiais, forma parte do patrimonio inmaterial, que é vivo, dinámico e suxeito aos cambios da cultura que o sostén”.

A decisión da Xunta, segundo a sentenza, é “motivada e non vulnera a normativa”. En canto á delimitación efectuada, a resolución sinala que “respecta os criterios de historicidade e autenticidade, e non deixa desprotexida a traza con vestixios”. O tribunal asegura que da proba practicada resulta probado que a identificación do Camiño é “conforme a Dereito, combinando esa delimitación coa adecuada protección dos elementos vinculados ao camiño en desuso”.

O tribunal tamén lembra que na lei de protección dos Camiños de Santiago “non se establece de forma precisa a metodoloxía de delimitación a empregar, o cal ocorre en todas as comunidades autónomas, nin se refire á necesidade de levala a cabo, exclusivamente, en base a momentos históricos concretos nin trazas orixinarias, configurando o lexislador o Camiño de forma viva e dinámica”.

O TSXG insiste en que as variacións nos roteiros do camiño “foron constantes ao longo da historia e estiveron motivadas por distintas circunstancias: dar continuidade funcional ao trazado, seguridade, infraestruturas públicas, etc.”. A sala, ademais, argumenta que da proba pericial resulta probada “a dificultade de recuperar de forma exacta o trazado dos camiños medievais, salvo en puntos esenciais e moi concretos, habendo de partir, como ocorre neste caso, da motivación das decisións da Administración e a composición do equipo técnico encargado desa tarefa”.