A Audiencia da Coruña condena a nove anos e tres meses de cárcere un home por agredir sexualmente a súa filla

A Fiscalía tamén acusaba a avoa e a nai da menor

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos e tres meses de cárcere un home por agredir sexualmente a súa filla, nacida en 2005, durante un período de tempo indeterminado, pero polo menos entre 2013 e 2016, cunha frecuencia “practicamente semanal”. A Fiscalía tamén acusaba a avoa e a nai da menor. O tribunal, con todo, considera que non quedou acreditado que a avoa “tivese constancia de que a nena era abusada, agredida” e destaca que tamén sufría a violencia do seu fillo. A muller, segundo a resolución, “tiña como prioridade, dada a súa simpleza, a defensa da fama da familia, do seu propio fillo”.

Respecto á nai, os xuíces conclúen que “carecía de capacidade real para actuar en cumprimento do deber do garante”, pois padece unha discapacidade intelectual leve, “o que favorecía que a súa capacidade de decisión, de opinión, dentro da familia, fora inapreciable”. O tribunal sostén que “non soubo reaccionar” debido “á súa discapacidade e polo ambiente familiar no que se atopaba, de absoluta anulación”. A Audiencia tamén lle impuxo ao acusado dez anos de liberdade vixiada, a privación da patria potestade respecto dos seus tres fillos menores e a prohibición de comunicarse por calquera medio e aproximarse a eles durante quince anos.

Os xuíces relatan que a convivencia do núcleo familiar “estivo presidida polos comportamentos violentos do condenado cos demais membros da familia, polas condicións económicas precarias, pola mínima capacidade dos adultos para a solución dos conflitos, pola simpleza dos seus caracteres e polo illamento social”. Todos estes problemas, segundo o tribunal, estiveron “favorecidos polo habitual consumo, abusivo, de alcol por parte deses adultos, dos tres, os cales chegaban, con frecuencia, á borracheira”.