A Audiencia condena a cinco anos de cárcere dous gardas civís pola trama de contrabando de tabaco no porto de Marín

A Audiencia tamén condenou un comercial xubilado e a súa filla, os cales traballaron en empresas dedicadas á subministración de mercadoría libre de impostos a buques, a seis anos e medio de cárcere

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a catro dos seis implicados na trama que simulaba o avituallamento para buques no porto de Marín de cartóns de tabaco exentos de aranceis e impostos. “Idearon un plan para dispoñer de tabaco para poñer en circulación sen satisfacer ningunha clase de aranceis nin impostos, consistente en finxir inexistentes operacións de avituallamento nas que facían figurar como destinatarios da mercadoría buques que non o eran en realidade e que, en moitos casos, estaban lonxe de Marín ou xa foran despezados en data anterior á suposta entrega do tabaco”, relatan os xuíces na sentenza.

O tribunal impuxo cinco anos de prisión e inhabilitación para emprego ou cargo público durante seis anos a dous gardas civís implicados, que no momento dos feitos estaban destinados no porto de Marín. A Audiencia considerounos autores dun delito continuado de falsidade en documento oficial cometido por funcionario público, en relación de concurso medial cun delito continuado de contrabando.

A Audiencia tamén condenou un comercial xubilado e a súa filla, os cales traballaron en empresas dedicadas á subministración de mercadoría libre de impostos a buques, a seis anos e medio de cárcere e ao pago dunha multa de 2.237.954 euros por cometeren un delito continuado de falsidade en documento oficial, en relación de concurso medial cun delito continuado de contrabando de tabaco na modalidade agravada.