O TSXG exime á Xunta de pagar os 15,6 millóns que lle reclama o Estado polas peaxes en sombra de Rande e A Barcala

A Administración baseou a súa solicitude nunha sentenza do Tribunal Supremo que a condenou a pagar á concesionaria da AP-9 as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pago foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a solicitude do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que a Xunta lle abonase a indemnización que o Estado lle debe pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da ponte de Rande e o tramo da Barcala (A Coruña) durante os exercicios 2017, 2018 e 2019. Esa cantidade, segundo o Estado, ascendería a 15,6 millóns. A Administración baseou a súa solicitude nunha sentenza do Tribunal Supremo que a condenou a pagar á concesionaria da AP-9 as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pago foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra. 

A gratuidade deses tramos provocou un notable incremento do número de usuarios, polo que en 2017 o Goberno central modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa. Sen embargo, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o dereito da concesionaria a ser indemnizada polos prexuízos causados pola implantación do sistema de retribución do Real Decreto de 2017. En concreto, ordenou ao Estado pagarlle a diferenza entre o que houbera percibido con arranxo ao sistema de retribución fixado en 2006 e o que lle foi satisfeito con de acordo ao Real Decreto de 2017. Esa cantidade, máis os intereses, fixada polo Estado en 15,6 millóns, é a que lle reclama á Xunta. 

O TSXG, que rexeitou esa petición, salienta na sentenza que “non é procedente” condenar á Xunta a abonar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais que se devindiquen dos anos 2017, 2018 e 2019, e ata o final do prazo de concesión da AP-9. “A sentenza do Tribunal Supremo non impón condena algunha á Xunta e, por iso, a propia executante, Audasa, insta a execución fronte á Administración do Estado, por así dispoñelo a sentenza”, explica o alto tribunal galego na resolución. Ademais, incide en que “estamos ante un requirimento que efectúa a Administración Xeral do Estado á Xunta para que execute a sentenza do Supremo na que a Xunta non resultou condenada”. 

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG recalca que o Estado reclama eses cartos cando “aínda non pagou a Audasa”, tal e como ordenou o Supremo. “A Administración Xeral do Estado xustifica o seu incumprimento en que parte das cantidades reclamadas eran debidas pola Xunta, causa obstativa de pago que foi rexeitada polo Tribunal Supremo nun auto do 14 de outubro de 2021”, destaca o alto tribunal galego, á vez que indica que, “en ningún caso”, se podería “atender á cantidade reclamada pola Administración Xeral do Estado”, pois lembra que a cantidade que lle teña que abonar a Audasa é “a que determine o Tribunal Supremo en execución da sentenza, sen proceder que a Xunta abone intereses das cantidades debidas, ao non ter responsabilidade na demora”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación. 

*NOTA: Por un erro material, nas páxinas 3 e 5 da sentenza consta 2018 como a data de finalización da concesión da AP-9. Está pendente a publicación do correspondente auto de rectificación de erros materiais, pois a data é 2048.