A Audiencia de Lugo establece un prazo de cinco anos desde 2019 para reclamar as cláusulas abusivas en hipotecas

O tribunal decretou nunha sentenza o reintegro, por parte dun banco a dous clientes, da metade dos gastos notariais, de xestoría e de taxación relacionados cunha hipoteca

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial de Lugo pronunciouse por primeira vez sobre o prazo para reclamar ás entidades financeiras os gastos derivados das cláusulas abusivas á hora de subscribir as hipotecas. O tribunal decretou nunha sentenza o reintegro, por parte dun banco a dous clientes, da metade dos gastos notariais, de xestoría e de taxación relacionados cunha hipoteca.

Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso ordinario, a sala salienta que a acción de nulidade é “imprescriptible” e, sobre esa premisa, senta o criterio de que a restitución derivada dos efectos da nulidade, é dicir, o prazo para reclamar os cartos ás entidades financeiras, está sometido “ao prazo de prescrición xenérico de cinco anos”. A Audiencia sitúa o inicio do cómputo para esixir a devolución destes gastos hipotecarios no 23 de xaneiro de 2019, cando o Tribunal Supremo sentou doutrina xurisprudencial sobre a cláusula de gastos e os efectos derivados da mesma.