A Audiencia da Coruña condena a máis de 11 anos de cárcere a un home por abusar da súa filla, agredila e obrigala a mendigar en Santiago

O tribunal tamén condenou a súa esposa, nai das menores, a dous anos e nove meses de cárcere como coautora dos delitos de violencia habitual cometido no domicilio das vítimas e de utilización de menor de idade para a mendicidade

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a once anos e tres meses de cárcere a un pai por abusar sexualmente de forma continuada da súa filla máis vella, obrigala a mendigar e agredila de forma habitual, tanto a ela como á súa irmá. O tribunal tamén condenou a súa esposa, nai das menores, a dous anos e nove meses de cárcere como coautora dos delitos de violencia habitual cometido no domicilio das vítimas e de utilización de menor de idade para a mendicidade. Ademais, ao acusado impúxolle a prohibición de aproximarse e comunicarse coa afectada durante 17 anos; e, coa súa irmá, durante catro anos. A nai tampouco poderá achegarse nin comunicarse coas súas fillas durante catro anos.  

Os maxistrados consideran probado que, en 2017, cando a vítima tiña 17 anos e deixou de cursar secundaria por exceder a idade límite da súa obrigatoriedade, a forzaban a mendigar, para o que “habitualmente a trasladaban en coche polas mañás desde o domicilio familiar a Santiago de Compostela e a deixaban ás portas de distintos supermercados”. Pola noite, segundo a sentenza, recollíana e ela entregáballes os cartos obtidos. A situación, segundo a sala, prolongouse ata a súa maioría de idade. 

Na resolución os maxistrados afirman que desde a infancia das súas fillas ambos os condenados, no domicilio familiar, “propinaban con frecuencia a ambas, e en especial á máis vella, golpes consistentes en labazadas, tiróns de pelo ou empuxóns, chegando a súa nai a golpealas cunha escoba ou cunha zapatilla; e o seu pai, co cinto”. Estas agresións, segundo a Audiencia, “producíronse en moitas ocasións”, ata que a filla máis vella deixou de vivir coa familia, e afirma que tiñan como motivos ou pretextos, entre outros,” o modo en que desempeñaba as tarefas domésticas que lle ordenaban ou o pouco diñeiro que lles entregaba tras mendigar”. 

Cando a vítima era menor de idade, o seu pai, segundo os xuíces, “díxolle de forma insistente e repetida que quería manter relacións sexuais con ela”. Na resolución, aseguran que a menor, “sen querer nin ser en absoluto a súa vontade ter tales relacións, se someteu días despois ás esixencias do seu pai por mor da influencia que este exercía sobre ela, e mantivo en repetidas ocasións, durante os meses de xuño e xullo, relacións sexuais co acusado”. O tribunal salienta que “a súa vontade se viu dobregada, anulada, polo feito de ser o seu pai quen lle requiría sexualmente, polo peso dos factores psicolóxicos propios de tal relación e do poder que aquel exercía na familia e respecto da súa filla, que determinaron que a vítima non fose capaz de facer valer a súa vontade e se dobregase, cedese, ante a insistencia do seu pai en realizar uns actos que ela non desexaba en absoluto”. 

En relación co delito de maltrato intrafamiliar, a sala destaca a fiabilidade das declaracións da vítima e da súa irmá, as cales cualifica de “claras e consistentes ao longo do proceso”. Ademais, manifesta que “non se advirte, como hipótese convincente, que actuasen movidas por un ánimo de prexudicar con imputacións infundadas”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.