O TSXG avala a legalidade dos recheos do porto de Marín

Os maxistrados, ademais, destacan na resolución as conclusións do informe realizado por un enxeñeiro de camiños, canles e portos designado polo TSXG

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolveu nun auto que non se debe retirar ningún recheo do porto de Marín como consecuencia da anulación do Plan Especial do ano 2000, tal e como reclamaba a Plataforma Defensora da Praza dos Praceres.

“O motivo da anulación do Plan Especial foi a falta de sometemento á avaliación ambiental, non a inadecuación para lexitimar actuacións de ampliación do espazo portuario”, indica o tribunal.

Os maxistrados, ademais, destacan na resolución as conclusións do informe realizado por un enxeñeiro de camiños, canles e portos designado polo TSXG. O perito conclúe no documento que ningunha das sete actuacións levadas a cabo no porto de Marín “se ampara de forma exclusiva” no Plan Especial anulado, senón que “se definiron nos seus respectivos proxectos ou proxectos modificados”. O técnico tamén sinala que a tramitación ambiental de cada unha das actuacións se realizou “de acordo coa normativa vixente no momento da súa execución”. O TSXG, polo tanto, declarou “completamente executada a sentenza” emitida polo Tribunal Supremo en 2009. Contra o auto cabe presentar recurso de casación.